Molinos

Gigantes en Castilla

quarta-feira, 26 de maio de 2010

O mar de Mar

Ela viviu toda a súa vida perto do mar. Cando era cativa, nunha illa onde o mais lonxe que estaba dunha praia era unha hora no coche. O certo é que a auga estaba quente como o caldo e atopar un espazo virxe era complicado, pero a airexa suave e o cheiro a salitre acompañárona durante aqueles felices anos. 
Despois, Galiza, onde a cultura mariña embebe o ambiente. Para Mar, o veráns eran sinónimo de vémonos no Vao ou Praza América ás catro e media (para coller aquel bus de reforzo ateigado de xente cara Coruxo). Iso, ou cruzar a ría e pasar o día cos papás nunha cala perdida de Cangas ou estremecer o seu espíritu coas ondas batendo bravas contra as rocas na Costa da Morte. 
Como non podía ser doutro xeito, o primeiro ano que pasou fóra da casa foi nun lugar costeiro, ou case. Caravelos ou Caparica quedaban a unha hora escasa daquel pisiño de estudantes, pero en Lisboa o río está sempre presente e, aínda que o salgado do mar non lle chegase con nitidez, o Texo traíalle lembranzas enxoitas do Atlántico.
En Madrid non escolleu como é debido. O Manzanares como río é irrisorio e facían falta catro longas horas de coche para que Mar voltase oler a area, as ondas, o mar. Botábao en falta, as persoas de regadío sempre estrañan a auga e nunha cidade como a capital, aínda mais: Madrid non ten fin, non hai océano que diga ata aquí, non remata e perdíase soa e saudosa na inmensidade de edificacións e asfalto desexando facelo nunha barquiña camiño de San Simón.

Sem comentários:

Enviar um comentário

a ver, princesa, dime...